29 de xan. de 2017

Outra noite pra lembranza

Este pasado mércores 25 de xaneiro, tiñamos un gran desafío a beiras do Lagares: eliminar ó campión europeo e mundial do torneo do KO. Para iso, tiñamos que tratar de non empeorar o fantástico tanteo acadado unha semana antes no coliseo madridista (1-2).
foto tralo histórico pase a semis

E para unha misión deste calado, como non un recibimento con bengaleo, quedando ás sete do serán para ir meneando as bandeirolas e repartindo os artefactos "pirotécnicos". Ateigando a rotonda Marcador-Tribuna de seareiros celestes, xa que o paso do autobús demorouse un cuarto de hora do previsto e cambiando o percorrido agardado -baixando pola rúa Val Miñor e bordeando o coliseo pola bancada de Río ata entrar pola saída da rúa Olímpicos-, como fronte o Sevilla nas semifinais da tempada pasada.
Bengaleo previo

De seguido, previa para quecer motores de cara ó que se nos aveciñaba na bancada, co bufandeo á saída inicial dos xogadores. Encontro para sufrir, pese as choradas dende a capital polo potencial mermado polas baixas dos seus. Para dato, que o actualmente cuestionado Danilo, valeu máis que o once inicial do Celta.

Agradecidos a "The Best", por mandar ó pau un gol cantado, que trouxese as inquedanzas á media hora. Mágoa que o xenio de Moaña, non definiu no 34 unha ocasión que a bo seguro non marraría, se non se decantase por esa asistencia que non chegou. E a fortuna sorriunos de xeito psicolóxico cando un tiro de Güidetti tapado por Casilla, tropezou no mentado no párrafo anterior e puxo a eliminatoria moi de cara.

Tempo de lecer, e intercambio de impresións con compañeiros non contiguos de bancada. Non estaba feito, Goliat aínda non afincara o xeonllo e proba diso o gol de falta de Cristiano (outra vez a nós sí, como en Liga no Bernabeu en marzo). Un tanto máis do Madrid, significaría o perigoso tempo extra. Estivo na cabeza de Ramos, ante dous defensas celestes, pero mandouna fóra. Podía ser calquer cousa, ata que Aspas volveu a tirar de enxeño e mandou cara atrás un balón a Chelo Díaz, quén intelixentemente tocoulle ó neófito Jozabed en boca de gol, este retrasou a bola para que Wass axustara ó pau esquerdo de Kiko Casilla e puxera a loucura no coliseo celeste (literal, algún da nosa zona rematou na celebración entre muro e primeira fila de asentos embutido). O da Coruña puxo o 2-2 no 89 e xa se temía na tabliña do cuarto trencilla o de "Ata que marque o Madrid", pero quedaron en 240 lentos segundos, resistindo coma guerreiros as derradeiras acometidas do rival. Outra noite histórica, na que a espera na bancada era obvia, con cánticos, ata que os xogadores regresasen ó tapete para ser ovacionados e coreados.

Antía. Unha Centola que disfrutou da viaxe a Leganés
En Centolos, estamos que tiramos a casa pola fiestra, e para involucrar máis ós nosos aboados, propuxemos unha porra de cara o sorteo das semifinais celebrado o venres ó mediodía, agasallando cunha bufanda da peña ós que acertasen tanto o rival agraciado, coma onde se ía xogar a ida da eliminatoria. Sete foron os que atinaron de cheo, co Alavés enfronte en Balaídos na vindeira cita. Persoalmente, valoramos que era a opción máis alonxada da realidade da "moda" das bolas quentes e de que co rumor de celebrarse a final de maio na despedida do Calderón, querían un Atlético - Barcelona na mesma.

Non satisfeitos co agasallo das bufandas, acrecéntase a dificultade nas porras da peña, sendo engalanados cunha camisola da presente tempada ós socios Centolos que adiviñen o resultado en ámbolos dous encontros. Ardua tarefa.
Marta en Leganés

Máis o tempo corre. Aínda estábamos saíndo de Balaídos, cando xa subíamos no autobús, camiño terras castellanas de castilla. Tocou partido contra o Leganés, cunha importante e animada presenza Celtista nas bancadas. Máis quilómetros para as nosas lembranzas, e co obxectivo de volver con 3 puntos máis nos petos.

E así foi; nun partido sen moita historia, regresamos a casa con trinta puntos no noso casilleiro particular e cun sabor de boca moi agradable, trala actuación de santiagués Álvaro Lemos. O rapaz, cun golazo que abría o marcador, foi chave na consecución da victoria e fixo disfrutar os Centolos e Centolas que alí estaban.

Vémonos este xoves 2 de febreiro, na que pode ser outra gran noite para o celtismo. Existen días marcados no almanaque onde toca abrir unha páxina en branco do noso libro de historia, e escribir nel con letras douradas. 

Por Hugo Estévez (texto) & Javi Vaz (gráficas)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.