2 de maio de 2017

Centolos Celestes, campións do Torneo de Peñas do Celta 2017

Non hai mellor brinde dunha década de celtismo en positivo que auparse ó escalón máis alto da Champions das peñas do Celta. Dende o fondo da ría, con afouteza e remontadas, acadamos a paparota da FdP -coma de costume-, que era ó que se viña e se tal, a gañar.

Foto de campións
O camiño foi abreviado. Neste ano a novidade foi a repesca para rechear a fase final a 16 equipos coma ata 2015 -o ano pasado era máis sinxelo pasar ás semifinais, xa que só había dous grupos-. Os compañeiros de Preferencia Celeste e de Le-Chuzas, foron ós que tivemos que derrotar para acceder directamente á fase final.

A mesma foi adiantada, xa que o día previsto disputarase o adiado Celta-Real Madrid ligueiro. Xogamos nun grupo de 3, trala retirada do campión en 2015 e finalista en 2016 (Celtas do Verdugo), o cal, aumentou considerablemente as posibilidades de ir xantar á Madroa de balde, xa que era un oso duro de lidiar.

Outra estampa do glorioso día


Comezamos ante o combinado "virtual" Siareiros.net, un encontro moi parello nos seus primeiros intres, cun afortunado gol á nosa favor antes do tempo de lecer e logo o doblete de Noé serviu para chegar ó 4-1 e facer moi valioso o empate ante a Peña Celtista de Salceda, que dobregara a Siareiros por 3-0 no primeiro xogo da mañá.

Para pechar mañá no campo do Meixoeiro, enfronte os mentados celtistas de Salceda. Encontro a cara de can, no que nos fixeron correr bastante e que se adiantaron tras un saque de esquina discutido. Tocaba épica nos derradeiros 30 minutos e así foi co carreirón de Richi e co doblete do killer Trajeta. Tocaba xantar, recuperación corporal e a cargar as pilas de cara ó tramo final do torneo.

Na semifinal tocounos Lío En Río -quénes nos derrotaran no Penedo da Moo no 2013 cun gol de falta a toque de pitido final-. Rápido collemos vantaxe co 2-0 a cargo de Iago, co que se chegou ó tempo de lecer. Gol de estratexia dos "líos" mediada a segunda metade e a manter a ínfima renda, xa que non fomos quénes de sentenzar no epílogo da semifinal (2-1).

Agardabanos á peña de Ribadavia para desputar a final (eles superaran sen problemas a Curva Celeste no campo do Chapela previamente). Anecdótico que xa cos colexiados sobre o céspede e o rival, a escuadra amarela, xacía cos seus homes derreados polo artificial de Candeán, amenizando a espera cunha birra centola. Tocaba aliñar a míster Pablo ás carreiras e saiu a cousa satisfactoria. Outro 2-0 ó descanso e intercambio de golpes na segunda metade -outro doblete de Trajeta-, para gañar o torneo por 3-2.

Apócema centola
Mención especial, á apócema máxica centola  -imaxe superior-, degustada dende o pasado domingo na previa do Celta-Athletic. E que serviu para dar folgos ós componentes do combinado amarelo nesta longa xornada de celtismo en positivo e fútbol de salón.

Voltamos o xoves perante a gran cita ante o Manchester United con balbordo e colorido celeste dende primeira hora da tarde ata a madrugada do venres nos aledaños de Balaídos.

Por Hugo Estévez



29 de xan. de 2017

Outra noite pra lembranza

Este pasado mércores 25 de xaneiro, tiñamos un gran desafío a beiras do Lagares: eliminar ó campión europeo e mundial do torneo do KO. Para iso, tiñamos que tratar de non empeorar o fantástico tanteo acadado unha semana antes no coliseo madridista (1-2).
foto tralo histórico pase a semis

E para unha misión deste calado, como non un recibimento con bengaleo, quedando ás sete do serán para ir meneando as bandeirolas e repartindo os artefactos "pirotécnicos". Ateigando a rotonda Marcador-Tribuna de seareiros celestes, xa que o paso do autobús demorouse un cuarto de hora do previsto e cambiando o percorrido agardado -baixando pola rúa Val Miñor e bordeando o coliseo pola bancada de Río ata entrar pola saída da rúa Olímpicos-, como fronte o Sevilla nas semifinais da tempada pasada.
Bengaleo previo

2 de xan. de 2017

Nosos votos para o Manuel de Castro 2016

Vía Atlántico.net
68 soci@s da nosa peña formalizaron a súa valoración respecto ó popular "certame" anual Manuel de Castro (sexta edición), onde se vota cales foron os xogadores máis relevantes do noso Celta, durante o ano natural que remataba o sábado pasado. Vía whatsapp, os centolos foron mostrándose durante a véspera de Fin de Ano -seriedade nas estimacións, polo xeral-.

O gañador -de xeito abrumador- foi Iago Aspas (con case a metade dos puntos repartidos: 299), quén sucedía a  Fabián Orellana (194 puntos) -maior votado en 2015-. Secundado polo imprescindible e equilibrador Pablo Hernández (126 puntos). E na terceira posición, a revelación do presente curso, o serbio Radoja (55 puntos). Logo, en menor medida, foron puntuados: Wass (33), Güidetti (28), Orellana (26), Hugo Mallo (20), Cabral (11), Sergio (5), Jonny e Bongonda (3), Sergi Gómez (2) e Roncaglia (1).
www.yojugueenelcelta.com
Esmiuzando un pouco máis na sondaxe, o máis lembrado foi Iago Aspas, xa que recibiu puntos en 63 ocasións das 68 vertidas (otorgándolle o primeiro posto 56 dos 68 centolos participantes). O momento de dulce do moañés trasládase ás valoracións do afeccionado. Lembremos que o ano pasado, só 6 puntos levou, xa que contaba cun papel menos principal que no presente.

Falando de crecemento están a citada revelación serbia, quén pasa de 5 a 55 votos. Os nórdicos Wass e Güidetti ascenden ó cuarto e quinto posto respectivamente, rondando ambos a trintena de puntos e levando ámbolos dous o ano pasado un só. Tamén mellora Hugo Mallo, chegando ó sétimo posto.

E se imos ás "decepcións" poden estar Orellana e Jonny. O chileno de gañar hai un ano, reduce a súa puntuación sete veces. Bastante culpa teñen as sucesivas lesións que ven padecendo o xenio andino. No tocante ó  de Matamá, pesa moito o seu rendemento deportivo mermado nas derradeiras datas, o cal tamén se trasladou á baixa, pasando de 67 tantos a 3.

Se queredes seguir as noticias do premio e consultar o vencedor destrucción ano, tendes que visitar www.moiceleste.com, alí atoparedes tódala información relacionada.

Por Hugo Estévez