13 de out. de 2016

Centolos Celestes, na Fase Final do XX Torneo da FdP do Celta (2016/2017)

Esta mañá do 12 de outono, os nosos rapaces acadaron a terceira clasificación consecutiva para a Fase Final do Torneo da Federación de Peñas do Celta, que conmemora a súa vixésima edición compartindo fútbol e intres de celtismo entre os seareiros do equipo de Balaídos. O emprazamento foi o habitual das tres citas anteriores do combinado amarelo: as instalacións de A Madroa, nunha alternancia climática, a que por momentos foi solleira, noutros aneboada e tamén coa presenza das primeiras precipitacións da devandita estación.

Lembrade o gol de Hagi en Balaídos
O xeito do pase foi similar ó das dúas edicións anteriores, sen caer derrotado ante ningún contrincante. Desta volta, había un aliciente a maiores para achegarse ós campos de adestramento do Celta. Non era outro que a sesión a portas abertas do primeiro equipo olívico. O que aproveitamos todos para botarlle unha ollada tamén.

Encadrados no grupo F, nun dos 2 grupos de tres peñas -finalmente, foron 3, porque un dos dous combinados da Peña Celtista do Ribeiro foi baixa de última hora-; a tarefa era compricada, xa que o marxe de clasificación iría nos pequenos detalles, xa que só pasaba o líder de grupo. O bloque de xogadores mantíñase o das edicións precedentes, coa inclusión de tres rapaces que cumpriron con goles (o máis avanzado) e solventando o xogo rival con creces na retagarda os dous restantes.

Se tivéramos que engadir un título a esta escea, este sería "gorilas na néboa"
Abríamos telón (sí, outra vez tocou madrugar) perante os compañeiros da bancada de Marcador Le-Chuzas, que presentaban quizáis un equipo máis competitivo que nos anteriores enfrontamentos particulares. Compricado no-lo puxeron, pese a que poidemos adiantarnos no tanteador con dous perigosos lanzamentos, pero nun golpe franco ó área, o noso ex-compañeiro Javichu colou o balón pola escadra tras un bote de balón envelenado. Vantaxe para os de verde, que se prolongou ata o tramo final do encontro, onde Yago Prieto de formidable testarazo, Iagotelli dun xeito acrobático rematando un balón difícil ó segundo pau e Rafa tras driblar con acerto ó arqueiro rival, puxeron un 3-1 case definitivo. Un erro noso, deulle ás a eles e puxo o 3-2 sen tempo para case máis.

Posteriormente, Le-Chuzas non padeceu o cansazo do primeiro encontro e impúxose ó xovial equipo de Preferencia Celeste con dous goles ó pouco de comezar (2-0).

Visto o panorama e co respeto pertinente, semellaba que a clasificación estaba no peto. Pechábamos a xornada ante o "xuvenil" equipo de Preferencia Celeste. Os goles foron caíndo un tras outro, mención especial a Iagotelli, que se adxudicou un "hat-trick" antes de ser substituido no tempo de lecer, ó que se chegou cun 5-0 incontestable. Segunda metade máis relaxada, sen sobresaltos, para rematar cun 9-2 favorable. 

Fenomenal mañá dos nosos, cun rendemento in-crescendo. Sorte ás peñas que quedaron "eliminadas" e disporán dunha repesca no primeiro de novembro. Nós, voltaremos en maio á senda oficial, noutra tentativa ó sempre compricado trono peñístico.

Por Hugo Estévez Cividanes




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.