27/12/2015

Unha carta dende o fondo da Ría.

Entre todos fixémolo posible.
Os tempos son chegados. Dende o día 27 de nadal de 2015, a Peña Celtista Centolos Celestes de Vigo ten un novo Presidente, o terceiro da súa modesta historia. Polo que xa como ex-presidente, quería despedirme de todos e todas vós aproveitando para agradecervos tantos e tan bos momentos vividos na vosa compaña.

Dende a súa fundación, Centolos Celestes foi para min coma un soño feito realidade, coma un fillo que medraba e se facía máis bonito co paso dos anos. Fundar unha peña, e que o primeiro que viva coma peñista sexa un descenso non é, que digamos, o mellor comezo posible. Pero así foi, e mentres o vello municipal se valeiraba ós poucos, Centolos comezaba a medrar pasiño a pasiño. Sempre quixemos ser unha peña diferente, innovar pero respetar a nosa historia ó mesmo tempo, facer sempre algo máis, facer sempre algo diferente. E abofé que o conseguimos. Fumos os primeiros en tantas cousas, que é un orgullo botar a vista atrás para comprobar todo o conseguido, e deixar que se escape un gran sorriso.

Unha peña non é unha illa. Moita xente que non formaban parte de Centolos estivo ahí dende o principio. Todos eses homes e mulleres que forman esta gran familia Celtista. Xentes que traballaban arreo nunha ou noutra peña, amigos de aquel ou daqueloutro bar, compañeiros que escribian nun ou noutro medio de comunicación, membros da Federación de Peñas, e incluso do propio clube. Persoas que nos axudaron e nos acolleron, que nos deron pulo e cos que compartimos moitas grandes xornadas. Todo o que rodeaba ó Celta era inversamente proporcional á situación do clube, supoño que esa soidade fixo que a unión entre aqueles poucos homes e mulleres fose máis grande e pura. Pasamos a mala dor do noso clube xuntos, pero saímos adiante, entre todos.

Quero lembrarme de todos, pero sobre todo dos amigos que xa non están. Aqueles cos que compartín unha amizade, unha conversa, unha confesión, un xantar ou unha risa e que agora están empuxando ós celestes dende o propio ceo. Grazas.

É certo que teñen moita importancia as ideas, os soños, pero para conseguilo son precisas as persoas que os leven a cabo. En Centolos Celestes nunca me puiden queixar de falta de implicación. Dun xeito ou de outro, sempre tiven a fortuna de contar cun gran equipo o meu carón, na directiva sí, pero na totalidade da peña tamén. Quero agradecer a todos, tamén ós que xa non nos acompañan pero que nalgún momento formaron parte desta peña, o seu esforzo e traballo en defensa de Centolos Celestes.

Grazas a tod@s!

Recibide unha forte aperta, coma sempre, dende o fondo da Ría.

Alejandro Costas Vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.