27/12/2015

Unha carta dende o fondo da Ría.

Entre todos fixémolo posible.
Os tempos son chegados. Dende o día 27 de nadal de 2015, a Peña Celtista Centolos Celestes de Vigo ten un novo Presidente, o terceiro da súa modesta historia. Polo que xa como ex-presidente, quería despedirme de todos e todas vós aproveitando para agradecervos tantos e tan bos momentos vividos na vosa compaña.

Dende a súa fundación, Centolos Celestes foi para min coma un soño feito realidade, coma un fillo que medraba e se facía máis bonito co paso dos anos. Fundar unha peña, e que o primeiro que viva coma peñista sexa un descenso non é, que digamos, o mellor comezo posible. Pero así foi, e mentres o vello municipal se valeiraba ós poucos, Centolos comezaba a medrar pasiño a pasiño. Sempre quixemos ser unha peña diferente, innovar pero respetar a nosa historia ó mesmo tempo, facer sempre algo máis, facer sempre algo diferente. E abofé que o conseguimos. Fumos os primeiros en tantas cousas, que é un orgullo botar a vista atrás para comprobar todo o conseguido, e deixar que se escape un gran sorriso.

Unha peña non é unha illa. Moita xente que non formaban parte de Centolos estivo ahí dende o principio. Todos eses homes e mulleres que forman esta gran familia Celtista. Xentes que traballaban arreo nunha ou noutra peña, amigos de aquel ou daqueloutro bar, compañeiros que escribian nun ou noutro medio de comunicación, membros da Federación de Peñas, e incluso do propio clube. Persoas que nos axudaron e nos acolleron, que nos deron pulo e cos que compartimos moitas grandes xornadas. Todo o que rodeaba ó Celta era inversamente proporcional á situación do clube, supoño que esa soidade fixo que a unión entre aqueles poucos homes e mulleres fose máis grande e pura. Pasamos a mala dor do noso clube xuntos, pero saímos adiante, entre todos.

Quero lembrarme de todos, pero sobre todo dos amigos que xa non están. Aqueles cos que compartín unha amizade, unha conversa, unha confesión, un xantar ou unha risa e que agora están empuxando ós celestes dende o propio ceo. Grazas.

É certo que teñen moita importancia as ideas, os soños, pero para conseguilo son precisas as persoas que os leven a cabo. En Centolos Celestes nunca me puiden queixar de falta de implicación. Dun xeito ou de outro, sempre tiven a fortuna de contar cun gran equipo o meu carón, na directiva sí, pero na totalidade da peña tamén. Quero agradecer a todos, tamén ós que xa non nos acompañan pero que nalgún momento formaron parte desta peña, o seu esforzo e traballo en defensa de Centolos Celestes.

Grazas a tod@s!

Recibide unha forte aperta, coma sempre, dende o fondo da Ría.

Alejandro Costas Vila.

23/12/2015

O noso derbi 2015: Diversión malia derrota.

No camiño de ida todo era optimismo.
Un ano mais, coma non podía ser doutro xeito, a Peña Celtista Centolos Celestes de Vigo estivo presente no derbi Galego.

Non foi doado desta vez, xa que os problemas para a adquisición de entradas foron tremendos. Poucas unidades á venda, todas por billeteira e todo isto aconteceu dun día para o outro. A pesar das enormes dificultades en Centolos o bus estaba practicamente cheo.

Como tamén ben sendo habitual, esta viaxe foi de balde para o membros da peña, que só tiveron que facer fronte ós 30€ da entrada.

A xornada comezou dun xeito moi Galego, cun xantar a base de cocido e viño do país, dese que mancha os beizos e quenta o corpo. Os folgos medraban e os mozos e mozas preparábanse para unha viaxe que é curta pero sempre moi intensa. Entre fume e lume, cervexas e petardos, a expedición Centola partiu puntual dende o vello Balaídos.

Coma sempre dicimos, o que pasa no autobus, queda no autobus, pero bueno, neste caso temos que citar algo importante, unha promesa que viña de lonxe, das frías terras de Rusia para quentarnos e animarnos: O noso Centolo "Sergio" agasallounos cunha botella de vozka (ritual para bebela incluido) e cun CD grabado por el mesmo con música "para a batalla de Riazor" que gustou e moito entre os presentes.

Unha vez chegados á cidade herculina, sen incidentes, a festa e a ledicia inicial foron trocando, co paso dos minutos en tristeza e desazón, por mor do xogo e do resultado do encontro. Foi un mal partido, en todos os sentidos e contra o peor rival posible. Unha derrota dura que esperamos revertir na segunda volta en Vigo.

Unha vez mais, ali estivemos, viaxando coma non, dende o fondo da Ría.