1 de ago. de 2015

Centolos Celestes, subcampións do Memorial Jaime Vilar Estévez de Baiona.

Os dous finalistas da presente edición
Como é habitual tódolos veráns, en torno á festividade do patrón de Galicia, dispútase o Memorial Jaime Vilar en Baiona, nun torneo organizado pola peña local de Arribada Celeste, coa estreita colaboración dos amigos do rapaz malogrado que lle da nome ó evento-homenaxe.

Este ano contouse coa novidade de engadirlle á gran nova da solidaridade do presente no campo do Aral, colaborando cunha ONG nunha recollida de alimentos non perecedoiros e tamén coa protectora de animais "Bai.senpulgas", noutra recolleita de colares, correas, penso, produtos de limpeza, comedeiros e demáis utensilios para cans e gatos.

Tal como expresaron as demáis peñas participantes no evento, nas súas devanditas contas das redes sociais foi un día de bos samaritanos, diversión e celtismo, combinado co fútbol como excusa. Este ano, o singular memorial baionés contou coa presenza dos amigos vascos dunha peña do Athletic, EuskalLions, que tiveron un bo papel futbolísticamente falando, sobre todo por parte dun miúdo neno de ¿dez? anos que marabillou a todo o presente coas súas dotes co balón, mareando e rompendo a algún mangallón que o dobregaba en estatura. Na imaxe inferior, obsérvase unha entrega de bufanda do combinado amarelo ós camaradas de Euskadi.
Capitán e vicepresidente facendo os honores cos "convidados"
Data compricada para acudir con efectivos en demasía a participar no clásico do Aral. Ó final, 13 foi a cifra de valentes que loitaron por superar o maleficio centolo nas dúas anteriores e únicas edicións do evento deportivo. En tales ocasións, no se superara a fase de grupos, pese a arrincar con fulgurantes vitorias. No 2013, bastante afluencia de xogadores amarelos (curiosamente o único ano que se desputou en non-festivo) e máis xustos de afoutos asociados centolos hai un ano.

Formación ante Irmandiños
O camiño para superar a lousada fase de grupos, curiosamente iniciouse ante os rapaces do EuskalLions, sempre mandando no marcador, pero cos levantamentos de pé do acelerador a tenor da vantaxe no marcador. Ó final un 6-4 a favor, no que se lamentou a curta diferencia de tantos ante os das vascongadas, por posibles empates a puntos finais. O seguinte adversario, foi un clásico, de novo Irmandiños en fronte e outra ocasión máis, sen poder derrotalos. Empate a 3, un partido que poido acabar en derrota cun disparo ó pau no último minuto dos de Río Baixo. E sí, por aclamación particular terei que citar a man prodixiosa de servidor en liña de gol (cantado) que abraiou a máis dun e que "tiña" ser cita de crónica. Non tirarei de vantaxismos, cantadas tamén houbo.


Era tempo de lecer e tocaba xantar polo centro da vila do Val Miñor. Tras unha longa sobremesa, tocaba xogarse a clasificación e no mellor dos casos o primeiro posto ante Preferencia Celeste, baixo un imperante sol de castigo. Bo equipo nesta ocasión levaban os do graderío reformado, que nos custou sobrepasalos cun 5-3 maquillado ó final polos mesmos. No outro grupo, sería Arribada o dominador absoluto superando ós seus rivais contundentemente. A sorpresa foi a clasificación dos neófitos de Natxo Insa, desbancando a Lechuzas e ós amigos do homenaxeado.

Máis sinxelo foi se cabe precisamente, o partido de semifinais ante os coñecidos da citada peña viguesa do xogador militante no Zaragoza, que tirando de bo rollo e moi contentos polo seu "chegar e encher" (primeira participación e remataron cuartos clasificados no global do envite), non fixeron moita oposición para que os amarelos chegasen á súa segunda final en menos de un ano (3-0).

Na outra semifinal, enfrontábase o bicampión do Memorial, Irmandiños contra os anfitrións, Arribada Celeste (co equipo máis competetivo das tres edicións). Foi un encontro parello, con vantaxe para os de Río Baixo no descanso (1-2). Remontada dos locais (3-2) no recomezo, ata que chegou unha pena máxima sinalada a favor de Irmandiños, moi discutida polos baioneses, que poido trocar o signo final do choque. Pacheta foi o encargado de tentar transformala, en vano, xa que o porteiro arribadense detivo o lanzamento. Nunha das seguintes xogadas, Arribada sentenciou cos granates volcados en campo contrario.

O capitán centolo, Ismael Chamorro, recollendo o trofeo de man do presidente de Arribada Celeste
Chegaba a final, vitoria merecida de Arribada Celeste, que tal como dixen en anteriores parágrafos, máis competitivos ca nunca, cun equipo sólido, cimentado dende o seu porteiro, clave no título con fenomenais intervencións. As pérdidas de balóns dos amarelos, custáronlle caras ó combinado crustáceo, con sendos tantos en contra. 2-1 a favor de Arribada en cada metade e xusto gañador, con efusividade dende o pitido final polo logro.

Resaltar a fenomenal organización do evento futbolístico-solidario por parte dos mesmos, que se vai consolidando como un clásico do verán entre o celtismo. Polo demáis, o venres 14 temos a seguinte parada no nova travesía centola e celtista. ¡Vémonos na previa do Memorial Quinocho, que nos enfrontará ó Xénova italiano!

Por Hugo Estévez Cividanes


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.