23 de feb. de 2015

Real Clube Deportivo da Coruña 0 - Real Clube Celta de Vigo 2 (Galiza celtista, segunda parte)

Collage da centolada da viaxe a terras herculinas



















Este pasado sábado 21 de febreiro ("de piñata" coñecido popularmente), desputábase #ONosoDerbi en terras coruñesas. Despois de case un mes de loita por parte das peñas e do celtismo para que se xestionase a venda de entradas para esa viaxe a terra hostil -a proba dos máis valentes-; pero que a ben seguro sería o ideal para tódolos afeccionados, se o escenario estivese máis calmado, tanto en incidencias, como no reglamento que rexe as liortas acaecidas tanto dentro, coma nas proximidades dos estadios.


Foi o pasado luns 9 do presente mes, cando se chegou ó ansiado acordo para que o Celta puxera á venda ese milleiro de entradas que concedía o seu homólogo do norte. A partir de ahí, mans á obra por parte dos timóns da centolada, que en apenas 24 horas conseguiron case encher o autobús. 90% de efectivos centolos, con algúns compañeiros da peña Natxo Insa e algunha "fichaxe" dos nosos socios para completar. Mínimos percances de cara a levar a cabo o noso cometido e todo o persoal preparado para un día inesquecible.

Coa véspera bastante nefasta meteorolóxicamente falando, o día amencía en Vigo cun azul celeste no ceo que resultaba premonitorio do hashtag que todos esperabamos 'tuitear' arredor da medianoite á espera de haber tomado o coliseo veciño da Torre de Hércules. Tal meteoroloxía e o correspondente alto nivel do envite, facía declararse como 'día de kit centolo', inda que desta volta, só os máis valentes atrevéronse a lucir esa saia celta tan autóctona.

Comezou o día cunha sesión vermouth nos aledaños do templo celeste, coa presencia dalgúns integrantes da nave centola e tamén para sorpresa de todos (ou case todos) a presenza das cámaras da TVG; que nos ofrecerían os discursos optimistas dalgúns membros e cabecillas ca peña nos prolegómenos do telexornal e que logo xa no habitual espazo deportivo tralo telexornal,  censuraría esas parrafadas insólitas proferidas por algún e por qué non dicilo, algún discurso enteiro, bastante interesante para o que o presenciou en directo.

Tocaba engraxar a maquinaria e quentar motores, polo que ás 17 horas tocou a quedada na nosa base asentada na Cafetería Tribuna, onde xa se comezaban a oír os primeiros berros de alento ós nosos. A hora de partida estaba marcada para as 18 horas, pero o protocolo policial instalado, demorou a saída da caravana de autobuses. Un bus, moi alegre e optimista de cara ó gran evento da noite, onde non decaiu a festa e o balbordo, onde si poidemos exhibir iso que agora nos prohiben cantaruxar nos recintos futboleiros (e que nas inmediacións dos mesmos o dubidamos de se recitar ou non). Parada técnica para "resetear" o corpo nun área de descanso preto da cidade blanquiazul e na entrada á mesma, primeiros intercambios de xestos e "palabras" entre os viaxeiros celestes e os transehúntes coruños.

Lenta incursión no graderío visitante e comezo de dar folgos dos mil e pico parroquianos celestes. Primeira parte, sen apenas incidencias. Á volta de vestiarios, cando aínda non todos recuperamos a nosa ubicación chega o gol de Charles nunha boa xogada trenzada dos nosos. Loucura. Se xa se nos oía máis a mil que a trinta mil, a partir de ahí, adeus ó "ruido" local. Partido aberto dende ese intre, cun fenomenal gato de Catoira cunha dobre parada. Tangana en medio campo por unha fea entrada do ídolo local, Lucas Pérez ó noso poeta. Expulsión de Lopo por outra dura entrada. E case no final, desentendemento entre Luisinho e Fabricio para que Larrigol acabase coa súa sequía goleadora antes dos tres meses. Tempo deu para presenciares o divertido derribo do propio Larrivey a Víctor Fernández en plena área técnica local.

0-2 final e a bancada visitante a seguir balbordeando, mentres as localidades blanquiazuis íbanse vaciando pouco a pouco. Agradecemento por parte do equipo verde (primeira vitoria oficial con esa nova camisola), corpo técnico e ata o presidente se achegou a "xenuflexionarse" ante esas incansables gorxas dos siareiros celestes.

O cansancio iba facendo mella na expedición centola na volta á cidade olívica. Coa inicial e pertinente alerta ó abandonar o centro da cidade herculina por temor ó desencanto dalgún aficionado local e todos contentos no resto do traxecto. Claro lle ten que quedar o afeccionado ó fútbol, que dende o verán de 2013, Galiza segue sendo celtista.

Escrito por Hugo Estévez Cividanes

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.