21/05/2014

Tempada 2013 - 2014: Despedida e peche.

Imaxen do derradeiro partido de da liga 2013-2014 no vello Balaídos.
Botamos o telón da liga unha tempada máis, e xa van sete, dende o fondo da Ría. Como xa vos teño dito, esta tempada 2013-2014 foi unha tempada para lembrar, tanto no deportivo coma no social ou peñístico. 
Un Celta que foi de menos a máis e que un ano despóis dunha milagreira e excitante permanencia consolídase na primeira división do fútbol nacional. 


Unha tempada onde o vello Balaídos viviu menos victorias das agardadas e a permanencia cimentouse máis fora que na propia casa, con bo xogo do noso equipo e cun teito histórico tanto en número de socios coma en número de espectadores asistentes a cada encontro.

Unha das elaboradisimas ilustracións de Pablo Rosendo.
Pola parte que ten que ver coa vida interior, coa nosa vida coma peña, foi un ano moi especial. Dende xullo a maio a actividade foi incesante en Centolos Celestes, e serviu para unir e integrar a peña a redor dunha idea clave, pasalo ben ó carón do Real Clube Celta de Vigo. 

E abofé que o conseguimos, xa que a xulgar pola imaxes que resumen esta tempada, cada partido, fose victoria ou derrota estivo acompañado por algo máis, por algo diferente que o fixo mellor, a vosa actitude, as vosas gañas de disfrutar cada encontro, a vosa entrega diaria, a vosa maneira de entender Centolos Celestes. Este ano o obxetivo era ese, a unión e o disfrute de todos, iso sí, sen afastarse da seriedade administrativa que caracterizou a esta peña dende o se inicio. 

As camisolas de 1923 e 1924.
Continuamos coa defensa dun estadio novo para o Celta, acorde coas necesidades actuais e, sobre todo, que sexa seguro para todos nós. Acudimos ó Concello de Vigo e presentamos un escrito na Xerencia de Urbanismo que foi un exemplo de actuación para todos os que fixeron o mesmo posteriormente. Cando se trata da seguridade dos nosos fumos contuntentes, e o seguiremos sendo.

No verán o Celta cumpría 90 anos e tras o desprazamento a Oporto decidimos celebralo por todo o alto, facendo unha representación teatral entre os membros da peña para escenificar aqueles días de 1923 onde se fundou, pola fusión do Vigo Sporting e do Fortuna, o Real Club Celta de Vigo. D. Manuel Bárcena de Andrés, Manuel de Castro "Handicap" e moitos afeccioados estiveron presentes no café "Años Veinte" nunha xornada onde se presentaron as camisolas do aniversario, dúas réplicas das que vestiron o primeiro (1923) e o segundo plantel (1924) do Real Club Celta de Vigo.

Estas camisolas foron, e siguen sendo, un éxito de vendas e xunto co resto do material constituiron unha base económica moi importante para afrontar toda a tempada. Cuarta edición, cuarta tirada xa dende setembro. 

As sudadeiras esgotáronse e tivemos que facer un novo pedido, que se continúa vendendo a bo ritmo. As bufandas, a roupa interior, os polos e, coma non, as saias Centolas. Esta tempada o ritmo de vendas do noso material foi frenético, pero o máis satisfactorio foi ver que o seu uso tamén foi habitual entre todos os que formamos esta peña.

Recuperamos as viaxes, e tanto San Sebastián como Pamplona foron dúas grandes experiencias viaxeiras, en diferentes épocas e con diferentes resultados pero preciosos viaxes ambos. A forma de viaxar Centola, buses festeiros e previas en interacción coa afección local, sigue sendo algo do que sentirse moi orgulloso. O Celta nunca camiñará só.

De festa polas rúas de Pamplona.
Fixemos deporte, xogamos ó fútbol. Dende o memorial Jaime vilar Estévez de Baiona ata o Campionato da Federación de Peñas pasando pola primeira pachanga Centola o fútbol tamén estivo presente na vida da peña dende o comezo da tempada. Iso sí, a cada pachanga, un xantar, unha papada e coma non, unha festa.

Porque ese foi outro dos elementos destacados este ano, os xantares e as xuntanzas. Sanatorio do Alba, Outeiro, Novo París e Serodio comandaron os 11 xantares que se organizaron este ano e que constituiron un record histórico en Centolos Celestes.

Como cada ano, fixemos lotería e carnets, que este ano foron deseñados por vós, estreamos unha nova pancarta e un ano máis agasallamos ós novos pais e nais da peña. Esta tempada, as seccións "Master" e "Morrazo" acapararon os nacementos na peña nun ano con moita, moitísima vida. 

Non podemos esquecernos de que, por fin, inauguramos a sección en Valga, cun xantar cos nosos amigos do norte da provincia. Un feito que nos enche de ledicia.
Reconquistamos a vila de Vigo, percorrendo as rúas do casco vello e as que separaba éste do vello Balaídos, camiñando a golpe de gaita, bombo e caixa por unha vitoria que pechara a salvación do noso equipo. Noutra ocasión tiveron que botarnos das bancadas, unha xornada na que quedamos sós empurrando dende a bancada de Marcador. 

Centolos nun recibimento desta tempada.
 Chegou a celebración do noso séptimo aniversario, abraiados pola velocidade coa que pasa o tempo, e demostrámonos co mundial de peñas de #BalaídosUniversal que somos capaces de movilizarnos coma ninguén, e que tamén se pode gañar unha tanda de penaltis en saias diante de todo Balaídos.

En fin, unha tempada moi grande, que rematamos en festa, gañando ó Real Madrid e clasificados coma os novenos da primeira división española. Repasando o escrito e lembrando todo o vivido dende agosto ata maio, só podemos agradecervos a todos a vosa actitude, as vosas gañas e a vosa forza Celtista. 

Agradecervos dende a axuda na organización dos xantares, os actores do teatrillo, os buses e ata os que cada partido, berrades dende a curva, subides pancartas, colledes bandeiras, axudades co alugueiro de carnets, vestides moda centola, ou simplemente estades ahí, connosco. 

A todos vós, grazas! Grazas por esta tempada, que foi a vosa tempada, e que se convertiu no mellor ano da historia de Centolos Celestes.

Mozos e mozas, voltamos ó fondo da Ría ata finais de agosto. Disfrutade do verán.


12/05/2014

R.C. Celta de Vigo 2 - 0 Real Madrid C.F.

Imaxe da curva centola na bancada de Marcador. Foto: facebook.
Festa rachada en Balaídos a de este domingo día 11 de maio trala vitoria do noso Real Clube Celta de Vigo ante o todopoderoso Real Madrid por dous tantos a cero.

Moito máis aló dun gran partido, o domingo vivimos unha xornada completa de celebración dende as 12:00 horas do mediodía ata as 03:00 da mañá do día seguinte.

Xogábase no vello Balaídos o derradeiro partido desta tempada do Celta como local, por si non fora pouco, ante un dos candidatos a gañar ó título de liga, o Real Madrid, e tras confirmarse a matemática presenza do noso equipo a vindeira tempada na primeira división. De feito, o equipo celeste acada a falta dunha xornada o oitavo posto, algo inimaxinable alá pola primeira volta.

A Centolada durante o encontro. Foto: Centolos.
Comezaba cedo a chegar xente á explanda de Balaídos, preparada para acoller a festa do celtismo en que se convertiu a xornada de onte. Hinchables, postos de comida e bebida, talleres de pintura, música, e moito celtismo encheron os aledaños do coliseo vigués durante un gran número de horas.

En Centolos Celestes tiñamos preparadas varias cousiñas para este sinalado partido. Para comezar, como xa é habitual, unha sesión vermouth no tribuna baixo un máis que apetecible sol.

Posteriormente acercámonos ó Serodio para facer o undécimo xantar da tempada, calquera o diría, e aproveitamos para quentar motores de cara ó partido que nos agardaba ás 19:00 horas no vello Balaídos. Ademáis, e ante os rumores respecto ó estado do municipal vigués subimos a pancarta de "Perigo desprendementos. Campo Novo Xa..." Á vez e xunto co resto das peñas colaboramos na elaboración doutra pancarta que rezaba: "Grazas equipo"

Unha vez dentro do estadio só quedaba desfrutar, e así foi, xa que o Celta acadou unha ampla e xusta victoria. Ó remate do encontro, a orquestra "Panorama" animou a festa ata ben entrada a madrugada.


05/05/2014

¿Ata que morra alguén?

Foto do Informe Centolo, ano 2007.
A foto que acompaña a esta entrada é unha foto pertencente ó "Informe Centolo I", realizado por esta peña no ano 2007 e que denunciaba o lamentable estado de conservación do vello municipal vigués.

Este domingo, nesa mesma zona, baixo ese mesmo lugar, un mozo de 27 anos foi alcanzado por un cachote que se desprendeu do estadio, quedando incosciente e tendo que ser atendido polas heridas sufridas.

No mes de novembro do pasado ano 2013, unha delegación de Centolos Celestes entregou na Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo un escrito solicitando información sobre o estado do vello coliseo vigués, preocupados pola seguridade dos nosos socios ante os continuos desprendementos que se veñen producindo en Balaídos nos últimos anos.

Basta xa de remendos, o tema do vello Balaídos é unha cuestión de seguridade, no recinto municipal con maior capacidade e en peor estado. 

Teñen caido tantas "promesas políticas" coma "cascotes" no vetusto estadio vigués.

C.D. Osasuna 0 - 2 R.C. Celta de Vigo

Bo ambiente polas rúas de Iruña.
A pasada fin de semana, a Peña Celtista Centolos Celestes xunto cos compañeiros e amigos de Irmandiños1923, organizaron a viaxe a Pamplona, para presenciar o partido do noso Celta, ante o C.D. Osasuna.

O autobús fletado polas dúas peñas partiu da bancada de Río en plenas festas da xuventude, o que foi un bo presaxio do que ó final aconteceu en terras navarras.

Ademáis de Irmandiños, os compañeiros de outras peñas como Siareiros Dezaos, Dani Abalo, Comando Celta e da mítica peña de Canido nos acompañaron nesta incrible viaxe a Iruña, a través da noite da meseta, nunhas non tan longas 10 horas de traxecto. 
Ambientazo no bus Centolo - Irmandiño.

Pasaron as horas de bus e con elas a noite, e xa ó redor das 12:00 horas do mediodía chegaba a expedición celtista ó noso particular hotel de concentración. Ducha e a seguir de festa.

Tocaba vivir unha previa en condicións, tocaba barrio vello, rúas estreitas, bares e xentes, tocaba vivir o máis bonito desta tolemia chamada celtismo.

Eliximos a Rúa Estafeta polo significativo da mesma, e descubrimos que o sábado era o día das peñas do Osasuna, cun gran número de charangas e grupos de animación. Bailes, bailes  e máis bailes, nun peregrinar lento pero lúdico cara o estadio do Sadar (Reyno de Navarra) na compaña tanto de compañeiros celtistas coma de vermellóns.

A bancada visitante no estadio do Sadar.
Co partido chegou a ledicia polo gran xogo e polo merecido resultado, que facía xustiza e pechaba unha permanencia doce e tranquila, baseada no bo xogo e na aposta decidida pola canteira celeste.

Unha vez no estadio tamén tivemos coñecemento dos episodios violentos acaecidos antes do comezo do encontro, que por fortuna non vivimos, pero que empañaron o fin da xornada na capital navarra. 

Coma broche, a viaxe de volta, xa o domingo, que foi de todo menos tranquila e calmada. Festón, permanencia e unha viaxe, a segunda da tempada, para lembrar sempre.