24 de feb. de 2014

R.C. Celta de Vigo - Getafe C.F.

A "Centolada" que se deu cita no Serodio (Coia)
O pasado sábado día 22 de febreiro unha boa récua de centolos e centolas volveron a xuntarse para vivir unha nova xornada de festa e Celtismo a carón dos seu compañeiros de peña.

A idea, a pesares de non ser moi orixinal, era sinxela e atractiva: Comezar o día cunha sesión vermouth no "Tribuna", continuar cun xantar no "Mesón Serodio" do barrio de Coia, coller carreira cunha previa de calidade, outra vez no Tribuna, e rematar deixando as nosas gorxas nas bancadas do vello municipal de Balaídos.

O ambiente foi festivo dende a mañá, e algúns Centolos e Centolas fixeron a súa estrea particular co resto da peña, e abofé que polo que se viviu, fixérono pola porta grande. A Sección Valga tamén estivo moi ben representada.

O xantar foi organizado polo noso compañeiro Iago "Trajeeeta", que a pesares de estar recente o seu paso polo hospital, non perdeu unha cita coma a do sábado.
Román e Mallo na bancada.

Na bancada, o de sempre, empurrar e empurrar sen parar e sufrir coma sempre ó carón do noso Celta, que tras comezar mal o encontro puido rescatar un punto moi valioso para a loita pola ansiada permanencia. 

Por si non fora de abondo, aínda aproveitamos para ir provando novos cánticos de cara ó tramo definitorio do campionato, así que xa sabedes, a afinar a gorxa!!!

11 de feb. de 2014

Xabarín, amor e moitas gaitas en Valga

Entrega da bandeira de Centolos Celestes Sección Valga.
Este pasado sábado día 8 de febreiro, unha delegación de Centolos e Centolas desprazáronse dende a Ría de Vigo ata as terras de Valga para a inauguración da Sección Valga de Centolos Celestes.

Con gañas a pesares da situación meteorolóxica adversa, arrincamos ben cedo dende a cafetería Tribuna, en Balaídos, cara esta localidade ó norte da provincia de Pontevedra.

O obxetivo era chegar a tempo para o "momento vermouth" e aproveitar entón para facer entrega ós representantes da recen inaugurada sección, da bandeira oficial da peña. E así foi como no bar "Pardal" quedou oficialmente constituida a Sección Valga.
Entrega da camisola de 1923, asinada polo plantel do Celta.

Ademáis da bandeira tamén fixemos entrega da exitosa camisola de 1923, da que xa quedan moi poucas unidades, asinada por todo o primeiro plantel do Real Club Celta de Vigo.

As risas e os agasallos leváronnos ó prato forte, e nunca mellor dito, da xornada; Un gran xantar a base de Xabarín. Tremendo!!

Máis tarde, desfrutamos do primeiro serán de Cordeiro, organizado polos membros da sección no lugar da Barcia.

Os mozos e mozas da sección Valga son Celtistas que nos acompañan intermitentemente pero de un xeito regular na curva de Marcador dende fai máis de tres anos. A partires de agora, o obxetivo e medrar e ser cada día máis os que dende este "fronteirizo" concello xunten forzas para loitar xuntos polo noso Celta.

Moi agradecidos da acollida e o cariño recibidos, espereramos vervos cedo polo vello municipal de Balaídos. E como reza o título; Xabarín, amor e gaitas, coma non, en Valga!!!